O OUTRO DÍA vin a Sara Montiel na televisión, no Show de Flo . A gracia do programa baséase en gran parte en tomar a chirigota ó invitado famoso, mostrando situacións ridículas da súa vida ou profesión. A actriz ía vestida e peinada e ata maquillada con moderación e víase ben, guapa para ser unha muller de setenta e cinco anos que dixo que tiña. Pero víase moi tensa, moi en garda, pese ás súas indubidables tablas que lle permitían ir capeando a morea de esceas escollidas para mostrar os seus peores momentos . Eu preguntábame qué pode levar a unha profesional, que traballou en Hollywood con bos directores e artistas e que gozou de admiración xeral, a participar nun espectáculo que nada bon vai engadir ó que dela se coñece e que só sirve para que o público se ría ás súas expensas. Quizá un desexo de fama, de non resignarse a que outra xente máis nova ocupe o lugar que ela ocupou; a necesidade casi patolóxica dalgúns artistas de que se fale deles a calquera precio. Non podía evitar a comparación con actrices como Katharine Hepburn ou Bette Davis, que souberon facerse vellas con dignidade e retirarse a tempo. E estaba xa a punto de botarlle á española toda a culpa da situación ridícula na que se encontraba cando lle fixeron a pregunta que, según o mesmo entrevistador confesou, xa lle teñen feito duascentas veces: ¿Por qué casar cun home trinta anos máis novo? E entón pensei que a estas alturas non hai dereito a facerlle esa pregunta a unha muller, cando son centos os homes que casan con mulleres trinta anos máis novas sen que a niguén se lle ocorra plantexarlles tal cuestión . Dende os premios nobel Cela e Saramago, ata escritores como Alberti e Borges, músicos como Pablo Casals, pintores como Picasso ou Balthus, cantantes como Pavarotti, ou actores como Anthony Quinn, casaron con mulleres trinta e coarenta anos máis novas co beneplácito da sociedade . E recordei que en Francia tratouse con máis respeto a relación de Edith Piaf con Théo Sarapo. Nestas cuestións levamos nós, polo visto , certo retraso.