ESCRIBO a piques de coller o avión. Un veciño pregúntame a onde vou. Dígolle que a Bruxelas, e espétame: « ¿E se se cruza cun chinés?». Non pensaba eu niso, francamente. E engade o paisano cunha chiscadela cómplice, ou de aviso, non sei. «Estanlle por todas partes...». Esa mesma tarde, outra veciña da aldea, unha rapaza nova, venme ver para consultarme problemas informáticos. Non sei nada de informática. Son un simple usuario. Pero ela pensa que si, ou non ten de quen botar man nese momento. «Entroume un virus», comenta. «Avisáronme, non fixen caso e agora téñoo dentro no disco duro. Vaimo estragar...». O tal virus, con nome enigmático: 000Z34-Aurelia , disque vén dalgún lugar de Sudamérica non identificado. Non podo facer nada. Estamos pillados. Ernest Hemingway cita a John Donne no principio da súa novela sobre a guerra de España: Por quén dobran as campás . «Ninguén é unha illa. Cada ser humano é un anaco de continente (...) A morte de calquera disminúeme tamén a min, porque estou ligado á humanidade...». Nas grandes e nas pequenas cousas, deberiamos engadir. Na alegría e na traxedia. Mesmo nas humildes e aparentemente insignificantes cuestións domésticas, coma o caso do ordenador. Tal é o mundo que vivimos. A neumonía asiática, coa súa ringleira de 429 falecementos en poucas semanas e o seu rápido espallamento, igual que a guerra de Irak, igual que a rolda diaria dos mercados financeiros, igual que as mareas negras, igual que a fame e a degradación do chamado Terceiro Mundo, son realidades do noso tempo, que nos afectan bastante máis do que imaxinamos. A noticia da morte de Napoleón en Santa Elena (1821) tardou en chegar a París dúas semanas. Hoxe daría a volta ao mundo en poucos segundos. Outrosí o pequeno coronavirus de identidade aínda non coñecida. ¿Estamos preparados para isto? O lector ha de coñecer, sen dúbida, o chamado efecto bolboreta . O leve movemento das ás dun insecto, aquí ou en Singapur, pode provocar unha furiosa tormenta na outra extrema do planeta. A peste de cólera de 1832 causou 18.400 mortos na cidade de París en a penas unhas semanas. Parece imposible que hoxe poida suceder unha cousa así, pero en África, nas nacións perdidas (e ignoradas) da negritude, esas cousas seguen a suceder. A marea de xente desesperada que cruza o estreito de Xibraltar ou desembarca como pode nas costas do Primeiro Mundo, fuxe desa hecatombe, que non vén nos periódicos, ou aparece moi de cando en vez. Iso é (tamén) a globalización. A globalización hai que ordenala, administrala, regulamentala, no equilibrio dun discurso solidario (que cómpre recuperar) e nos adecuados foros internacionais, nestes momentos seriamente danados. A globalización é unha realidade histórica. As distancias desapareceron, ou reducíronse espectacularmente, igual que a noción de tempo. Pero non as fronteiras, aínda que a propaganda dominante diga outra cousa. As fronteiras existen. Veñen marcadas polo desequilibrio e a inxustiza. Entre o mundo deles e o mundo noso hai un abismo difícil de salvar que o condiciona todo: a violencia, a frustración, a rabia, o egoismo, a ignorancia, o dominio da forza, a crueldade... aínda que, ás veces, cando parece que está máis lonxe, acaba entrándonos pola porta da casa. Non somos illas. Deberiamos decatarnos disto.