COLIN pasou por Madrid e, ó da-la noticia, os xornais infórmannos de que é tanta a intimidade, ou se queredes, tan boa a química entre os dous encargados dos negocios estranxeiros, que aquel pregunta ós seus colaboradores: «¿Non chamou Ana?». E Ana, chea de felicidade, dinos que recibir a Colin foi «especialísimo pracer e grandísimo honor». ¿Un bo exemplo ese do que significa sacarnos do último curruncho da Historia? E pode que tamén nos aclare a cobiza guerreira do xefe de Ana. Pero un non é Adler para falar dos complexos de inferioridade que manifestan os homes, e agora tamén as mulleres, do Goberno, que senten e viven eses praceres e honores ben pouco diplomáticos. Pero, aínda así, un ten que chegar á conclusión de que debe de ser un sospeitoso pracer ese que ela chama especialísimo, así como ese grandísimo honor de recibir a Colin, que un pensa se será o de sentirse forte ó abeiro dos fortes, achego que máis ben é debilidade, ou carencia máis ca mérito.