UN LECTOR de Xenebra acusaba a La Voz de non ter mulleres nas páxinas de opinión do periódico, cousa que producía segundo el unha impresión de «machismo radical». A resposta foi que nesas páxinas colaboran Marina Mayoral e Sandra Faginas, e de forma ocasional unha escritora de orixe kurda, ademais de María Xosé Queizán e Susana Fortes, que despois pasaron a Culturas . Non é que sexamos moitas, pero coido que non somos menos das que colaboran de forma regular nas páxinas de opinión de El País, ABC ou El Mundo . Eu diría, mesmo, que unha colaboración semanal feminina como a que vén mantendo La Voz dende hai máis de dez anos é excepcional no panorama dos diarios de gran tirada. Por suposto que sería desexable que fósemos máis, e que houbese máis ministras, presidentas de consellos de administración e rectoras de universidade. O problema, paréceme a min, non está no periódico senón na sociedade. O que me parece máis preocupante neste episodio é que un lector habitual de La Voz non se entere de que varias mulleres colaboramos nesas páxinas dende hai anos. Pretendía sen dúbida romper unha lanza a favor das mulleres, pero, de feito, o que se desprende das súas palabras é que non nos le, que nin sequera nos ve alí. De forma involuntaria, inconsciente, a súa mente elimínanos, fainos desaparecer. Recordo a propósito desto o que me dixo un colega galego, que, segundo di, estima os meus artigos de La Voz: «Mágoa que te teñan alí arrombada nun curruncho». Cando lle fixen ver que ocupo o mesmo lugar e espacio que tantas veces ocupou Carlos Casares, ficou asombrado. Eu non podo deixar de pensar que quen me arromba é el. Os lectores son tamén responsables nesta cuestión. Pensan moitos que o que escriba unha muller só pode interesar ás mulleres e, por principio, un artigo firmado por unha muller non o len. La Voz fai regularmente sondeos de opinión. Se máis lectores reclamasen voces femininas, máis habería. Agora teñen as xustas para que non se lles poda chamar machistas.
