Eleccións e guerra

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

22 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A «GUERRA estúpida», que dixo Edward W. Said, pasoulle factura a Blair nas eleccións locais recén celebradas. Pode que non se trate máis ca do aviso dun electorado que en boa parte estaba contra a guerra e da participación nela do Reino Unido. E aproveitou a ocasión para asoma-la orella. ¿É imaxinable algo así entre nós? Pode que non, por máis que aquí era practicamente toda a sociedade a que rexeitaba a guerra. É o que, ó día de hoxe, semellan indicar algunhas sondaxes: o castigo pode que non sexa exemplar ou nin sequera un tirón de orellas. ¿Unha vez máis a falta de memoria? Estariamos diante de dúas actitudes opostas. Ó meu ver, só unha razón as pode xustificar: a sociedade británica ten de sempre hábitos democráticos e sabe emprega-los resortes do voto con moita sutileza. Aquí, pola contra, abondan a arroutada e a esaxeración, e tanto rexeita a guerra o 91 por 100 das xentes como logo, á hora de emiti-lo voto, se esquecen de que onte chamaban asasinos ós gobernantes. ¿Seguiremos sendo diferentes?