O POLÍTICO sabe que o importante é dar primeiro. O primeiro sempre dá dúas veces. Hai que sair en pantalla. Media hora despois de se pecharen as urnas xa había declaracións. Xosé Blanco, secretario de organización do PSOE, anunciaba a victoria. Non había máis que lle ver a cara. Radiante. Case ao mesmo tempo, Pío García Escudero, voceiro do PP, dicía exactamente o mesmo, aínda que con outro careto. O forno non estaba para demasiadas festas, cando menos naqueles momentos. Logo, segundo ía discorrendo a noite, as posicións foron afinándose. Anxo Quintana, dende o BNG, pedía tempo e reafirmábase no éxito: 591 concelleiros, fronte aos 586 nas eleccións do 99. Outrosí podía dicir o PSOE en Galicia: 861 no 99 e 914 nas que acaban de concluir. O PP, pola contra, perde posicións. Pero segue dominando o territorio: 2.184 concelleiros nos comicios anteriores contra 2.027 de agora. Era o argumento de Xesús Palmou: «somos os primeiros. O pobo galego respondeu deste xeito aos que quixeron aproveitarse da desgracia do Prestige...». A teoría da percepción consiste en lograr o primeiro impacto na audiencia. Un impacto positivo, naturalmente, porque as cousas non son como son, senón como parece que son, ou sexa: como cada un de nós as percibe. A percepción constrúese tanto cos datos coma a partir dos intereses, as sensacións e as expectativas dos que analizan ou reciben eses datos. «Seguimos sendo os máis votados», declaraba o presidente Manuel Fraga. De acordo. Non quiso entrar, sen embargo, na deriva dos resultados, sobre todo nas grandes cidades, que é onde se constrúe o modelo de comportamento social que anuncian os cambios. Porcentualmente, o PP baixa dun 45 % a un 41 % en números de votos emitidos en Galicia, e no conxunto do Estado pasa de ter un 34,44 % nas eleccións do 99 a un 33,58% nas de onte. O PsdeG-PSOE ascende do 25 ao 27% (e do 34,26 ao 35,1 en toda España), pero non recupera a alcaldía de Madrid (o mito Tierno Galván) e iso desloce moito. A percepción constrúese a través de símbolos, impactos de referencia, que case sempre son cualitativos, non cualitativos. O mesmo lle sucede ao Bloque. Confirma as súas posicións. Non moito máis. Nas municipais do 99 obtivo o 18% dos votos e nas presentes, un 19 %. O seu crecemento na cidade da Coruña foi certamente extraordinario. Pero cede a alcaldía de Vigo e, posiblemente, perde tamén a de Ferrol, baixa dun xeito importante en Santiago e Lugo, e aínda que en Pontevedra obtén unha victoria espectacular, a campaña nesta cidade construíuse pensando demasiado na mayoría absoluta, esa obsesión enfermiza dos políticos que, cando non se consigue, acaba transformando a victoria en insatisfacción. ¿Todos gañan? Non todos, francamente. O discurso triunfalista do PP é difícil de soster, por máis que vaia dirixido a intentar animar aos seus seguidores. Algo está cambiando. Lentamente, pero está cambiando. A Deputación coruñesa pasa aos partidos da oposición (PSdeG-BNG) que, sumando votos, constitúen unha mayoría natural tan lexítima como calquera outra, na medida en que recolle o sentir de segmentos afíns de poboación que, no seu conxunto, superan por primeira vez a porcentaxe conservadora: 46 % PSdeG-BNG fronte ao 41% do PP. O resto é unha pluralidade de siglas varias, moitas delas constituídas por candidaturas independentes que, en gran número de vilas, están chamadas a se constituiren en chaves decisivas para o goberno das corporacións.