QUERO SUPOÑER que o señor Diéguez Souto, que no pasado 28 dirixiu unha carta ó director deste xornal laiándose polo pouco lucido do resultado galego das eleccións do día 25, é persoa moi nova aínda. Comprendo que lle doa o que di. Mais non comparto o seu desalento, quizais producto da impaciencia propia da xente nova. Son moitas as cousas que cómpre cambiar: o que se lle di á xente e como se lle di. E tamén a algúns que din. ¿Sabemos cantos votos resta certo galego chafalleiro, certas maneiras, certos esquerdismos trasnoitados? ¿E por que nalgunhas partes houbo resultados moi estimables e noutras se quedou lonxe deles? Trátase tamén, coma el pensa, dun problema de dignidade. Mais esta non se conquista de calquera maneira. É labor moi lento e moi complexo no que de sempre moitos estamos empeñados. Dille isto alguén que leva moitos anos entregado á recuperación da dignidade deste país. E que sabe ben o que se andou e o que nos queda por andar. E o moito que cómpre cambiar. Non o esqueza.