Pouco siso

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

14 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

SEMPRE me referín ó País Vasco coa máxima simpatía. Teño gabado o seu orgullo de pobo que non se deixa asoballar. E teño, á par, refugado a torpe política do Goberno, e da oposición, naquel país, tan asimilacionistas as dúas, tan centralista unha coma a outra, ámbalas dúas moi pouco intelixentes. Iso é cousa que todo demócrata de verdade ten que asumir; pero outra, que en nada se lle parece, é que copien do inimigo que combaten os mesmos métodos do nacionalismo excluínte. Unha cousa é a chamada aposta soberanista, que en democracia é tan posible coma calquera outra, se se defende democraticamente, e outra a exclusión do adversario político, aínda que sexa o que pretende excluírnos. O peor é que todos, Goberno vasco e terroristas de ETA, están facendo un fraco servicio ás causas autonómicas deste país non afeito a afinar e máis ben acostumado á visceralidade e á esaxeración. O que, politicamente, é sempre un desastre. Pero que agora, nas actuais circunstancias, xa non se pode apoñer tan só ós de sempre.