DE NENOS sabiamos de memoria os nomes todos dos profetas: a historia de Daniel, que lle lía os soños ao rei Nabucodonosor e acabou no forno (do que librou gracias á axuda do Deus de Israel), o carro de Elías, a loita de Xacobe contra o Anxo ao pé da escaleira, as pragas de Exipto... Tardamos algo máis en saber que o mito do Diluvio se repite en case que tódalas culturas neolíticas, que o Deus único da relixión monoteista non é invención do pobo xudeo senón dos exipcios de Amenhotep, que a figura de Cristo, con atributos distintos, aparece xa na relixión persa e na India, que nos Evanxelios Apócrifos o fillo de Deus ten irmáns (un deles, Santiago), que se pode ser cristián sen crer na virxinidade de María, que o Papa de Roma non é a única palabra, que hai outras... Nas culturas precolombinas explican a creación do home non a través do barro, senón a partir dun gran de millo. Na Patagonia é unha aguia. Na relixión indú nace directamente de Deus (dunha das moitas e diversas manifestacións da divinidade). Orfeo baixa aos infernos, na procura de Eurídice, igual que Cristo, despois da morte na cruz. Nas culturas mediterráneas, antes da chegada dos pobos centroasiáticos, señores do pastoreo e dos cabalos, o mundo ordenábase arredor da Gran Deusa, a Demeter dos antigos gregos, a Deusa Nai da fertilidade (tamén da organización doméstica). Sempre me interesaron as relixións. No discurso da Humanidade, a relixión representa a búsqueda, a resposta mítica que o ser humano procura diante da súa fraxilidade (e da súa caducidade). A partir das altas culturas sobre todo, a partir do asentamento das primeiras cidades, despois da invención da agricultura (na Mesopotamia do Tigris e do Éufrates, nas chairas do Ganges, nos grandes espacios americanos), a relixión é, tamén, a proposta de organización do mundo, xerarquización de poderes, discurso social, que ordena e socializa os grupos humanos arredor do Poder, representado no Deus-Faraón, no Profeta-Xeneral, ou no Pontífice-Imperio que administra a Palabra da Divinidade. Outra cousa é a catequese. A proposta que o goberno do PP vén de anunciar para a incorporación do ensino da Relixión ao sistema educativo, como materia curricular obrigatoria, nada ten que ver co antedito. Manuel Espiña explicouno moi ben onte, nas páxinas deste xornal: a relixión como fenómeno histórico e de cultura, expresión ou referente de civilizacións, na medida en que axuda a entender a condición humana e o discurso da Historia, é materia necesaria. Moitos dos nosos escolares carecen da información máis elemental ao respecto. Dificilmente se pode entender a arte, a literatura, o folcklore, os ritos, os conflictos históricos (tamén os actuais), as relacións de poder e de propiedade, a organización da terra, certas formas da linguaxe, o máis grande e, ás veces, o máis feroz dos seres humanos, sen o fenómeno relixioso. Outra cousa, repito, é a doutrina, a prédica exclusiva (e exclusivista) dunha igrexa sen as outras. A fe é unha cuestión persoal, fundamentada se acaso no núcleo iniciático da familia e na congregación á que se pertenza. É nestes foros (a familia e as igrexas) onde debe ser iniciado o individuo na práctica relixiosa de cada fe, non na escola. O discurso da relixión na escola, en tanto que fenómeno cultural, debe ser un discurso laico, plural, orientado por especialistas (profesores de Historia e Ciencias Sociais), non materia de catequese. A modernidade estableceu hai bastantes anos a separación das Igrexas e do Estado, realidades distintas, que actúan en planos diferentes, fundamentadas na liberdade de consciencia individual. As sociedades democráticas máis desenvolvidas enténdeno así e actúan en consecuencia. Mágoa que nos poñamos a correr agora cara atrás.