NON SE TRATA da obra de Plutarco, nin do paralelismo que vexo nas vidas de Castelao e de Seoane (os dous eran fillos de emigrantes e viviron os primeiros anos na Argentina; voltaron a Galiza moi novos e acó fixeron os seus estudios: un saiu médico e outro avogado, carreiras que estudiaron por imperativo dos pais e que os dous abandonaron; os dous pintaron, fixeron libros e revistas, debuxo gráfico, escribiron literatura e historia. Os dous estiveron afiliados ó Partido Galeguista e os dous viviron a maior parte da súa vida no exilio). Trátase de acontecementos que se me antoxan paralelos e que a todos nos poden afectar. Estou recordando á Alemania nazi, cando a nosa Guerra Civil, reclamando máis espacio vital, que a levou primeiro a ocupar Checoslovaquia e logo Austria, todo consentido como feitos consumados polas chamadas democracias occidentais, con Inglaterra á cabeza, presidido o seu Goberno polo vello conservador Neville Chamberlain, sempre coa oposición de outro conservador visionario, Winston Churchill, que albiscaba o que acontecería. Finalmente, cando Hitler ocupa Polonia, Inglaterra non ten máis remedio que arrombar a Chamberlain e, con Francia, entrar en guerra contra Alemania, pero chegan tarde e Alemania ocupa Francia, machaca a Inglaterra, e seguiu ocupando nacións por Europa deica chegar ás portas de Moscú e tentar cruzar o Volga, onde os rusos, ó fin, córtanlle a cabeza ó exército alemán. Van aló 60 anos e moitas cousas teñen cambeado, mais os ritmos históricos se repiten cando un pobo ten forza e tende a exercela sobre os demais pobos. Non son personaxes da mesma condición os que estiveron ó fronte dos aconteceres de hai 60 anos e o equivalente dos nosos días. Hitler era un poseído das súas conviccións, era un alucinado da «Alemania por riba de todo» e se representaba a si mesmo. O que poderiamos situar hoxe como representación da forza imparable, Bush, é outra cousa. Bush xamais poderá escribir algo semellante ó Main Kampf , porque el é un representante, principalmente, dos intereses económicos dos que fabrican máquinas de guerra e da explotación do petróleo. Se no exercicio da forza non defiren, Hitler conquista e asoballa pobos para os incorporar ó dominio alemán, os intereses que representa Bush van facer o mesmo cos pobos que ocupa, mais preferentemente os que teñen petróleo e outras riquezas básicas. Hitler eliminaba ós que non estaban de acordo con el en cámaras de gas, e non só ós xudeus (pois o profesor coruñés Johan González del Valle gaseado en Auschwitz non era xudeu). O exército de Bush os elimina a cañonazos. E se ós que representa Bush non se lle paran os pes a tempo coido que non fai falla ter virtudes sibilinas para ver que estamos no camiño de outro conflicto mundial. De momento, Europa, Rusia e China están facendo o mesmo que o Chamberlain, porque o capitalismo delincuente ten penetracións nestes pobos e remata aceptando os feitos consumados, pois o práctico para eles é sacar tallada da situación. Agora poden ir a por Irán, onde hai petróleo, asomarse ó Caspio onde cheira a petróleo que explotan as repúblicas ribeiráns, entre elas Rusia, e pode haber tentacións que acaben nun enfrontamento nuclear. Nin Gengis Kan, nin Napoleón nin Hitler poideron con Rusia, mais rexistrar o traballo adiantado pola CIA xa non cabe neste artigo.