Pouco se adiantou

| X . L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

05 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O RECENTE debate sobre o estado da Nación puxo de manifesto unha vez máis a escasa sensibilidade dos grupos maioritarios polo problema, nunca ben resolto, da realidade plurinacional de España. O que demostra a escasa cultura política do país, ou, ó mellor, a súa escasa cultura xeral. Un comproba que a oposición é tan centralista como o partido do Goberno, segundo un día e outro con teima nos demostra. Penso que é pena que nin os uns nin os outros sexan conscientes da riqueza que acocha na diversidade, na diferencia, na pluralidade. Mentres a xeneralidade do país non viva isto como un valor propio, e aínda con orgullo civilizado, os vellos diaños andarán roldándonos sempre. Como escribiu Camus, «...eu creo nas diferencias, non na uniformidade... porque as primeiras son as raíces sen as que a arbore da liberdade, a sabia da creación e da civilización, seca». Claro que non é o mesmo: Camus era un intelectual e os políticos, intelectualmente, non dan para moito. Como xa Cadalso nos ensinou.