O galego é útil (e necesario)

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

XORNALISTAS E empresarios, cualificados responsables todos das súas respectivas organizacións, reunímonos hai poucos días en Compostela para falar da lingua galega. Non había convocatoria oficial. Tampouco representantes de administración ningunha. Xurdíu a idea da Fundación Galicia-Empresa, coma outras veces, e respostaron con xenerosidade os directivos da inmensa maioría dos medios impresos invitados a participar. En realidade, falamos da lingua (a nosa) e falamos da modernidade. Dito doutra maneira: qué sentido ou, se se quere, qué utilidade ten o idioma galego na sociedade do século XXI, cómo convencer á sociedade galega desa utilidade (no caso de que exista) e cómo deseñar un novo marco ilusionante, con capacidade para comprometer ao conxunto da sociedade (moi especialmente os seus axentes máis activos) nun proxecto común de uso e normalización do idioma. Vinte anos despois da entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística, a reflexión, mesmo que fose tan informal coma aquela, tiña bastante sentido. «¿Que fixemos mal?», preguntaba un dos presentes, aludindo á responsabiliade da sociedade galega no seu conxunto. Ou dito doutra maneira: ¿como temos que facer para facelo mellor? O sociolingüista Henrique Monteagudo publica no número 158 da revista Grial un artigo sobre a situación, logo de dúas décadas de política lingüística, e a el remito ao lector interesado, para non repetir aquí os seus argumentos. Hai unha idea base, sen embargo, que me parece fundamental: cómpre un gran pacto social arredor do idioma galego ¿Que queremos facer con el? ¿Que estatus queremos darlle? ¿Que uso? ¿Que atribucións? Vinte anos despois da Lei de Normalización Lingüística, aprobada unanimemente no Parlamento (non o esquezamos) e que deu pé a avances obxectivos na promoción e mesmo na consolidación do idioma, cómpre revisar os seus obxectivos, criticar constructivamente as súas actuacións (ou non actuacións) e, sobre todo, establecer un novo marco de encontro, ilusionante, capaz de integrar o maior número de axentes posibles, procedentes de tódolos ámbitos da vida social (empresarios, sindicatos, creadores, institucións varias, medios de comunicación, ensinantes, movementos asociativos, familias) a prol do uso da lingua e do seu recoñecemento social non coma simple liturxia, que en moitos casos é no que se está a convertir, senón como valor engadido, valor de identidade, na sociedade nova da Información e do Coñecemento. O galego é útil. Hai razóns abondo para argumentar esta afirmación. Útil socialmente, como elemento de cohesión social (non de agresión contra os dereitos individuais dos que non o usan) e útil economicamente, en canto que valor de identidade do que poderiamos denominar «producto galego» (valor de diferenciación) na sociedade uniformizadora da globalización. Usar o galego é traballar pola construcción dunha sociedade máis dona do seu, menos acomplexada, máis segura de si mesma e, xa que logo, máis moderna. A súa proximidade ao portugués e a súa convivencia co castelán (útil tamén), sitúannos xeoestratexicamente nunha área de relación exterior privilexiada, que non teñen outros idiomas, e que deberiamos saber aproveitar e transmitir axeitadamente á cidadanía. Falar disto, sen complexos, é necesario. Construir foros para poder facelo, fundamental.