ESTAMOS EN tempos de tránsfugas e tamén de conversos. Non hai tanto que vimos pasar a algún destes do nacionalismo máis abertzale a altos cargos na capital. Unamuno, no seu tempo, foi tamén un converso. Non sei ben por que o tránsfuga resulta sempre máis chamativo, quizáis porque o converso, agás excepcións, ten menos incidencia na sociedade. Uns e outros son vistos como de esguello. Ninguén se fiou nunca desa xente. Pero hoxe as cousas cambiaron tanto que, ó mellor, o desprezo pode levar á par unha boa dose de admiración. Un converso, e non dígamos xa un tránsfuga, é alguén importante, ou que pode importar moito, porque un ou dous destes últimos poden botar abaixo un goberno. A nosa sociedade desconfía do converso, pero non o condena, e acepta ó tránsfuga, aínda que só sexa polo dano que fai ou polo decisivo que pode ser. Paréceme que é debido a que a xente pensa que a política é así e que os políticos non poden ser doutra maneira. Non é moi bo síntoma esa aceptación pasiva.