Descualificacións

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

02 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

PRODUCE CERTO desacougo vivir nun país no que o propio presidente do Goberno di ós catro ventos que certo plan político é un «dislate e un disparate». Porque entón un pensa qué dirán os millóns de habitantes deste país que non se distinguen nin pola súa cultura nin polo seu sosego. Nin pola súa capacidade de concordia. O país dista moito de estar educado para a concordia: máis ben o está para a visceralidade máis irracional, inimiga da convivencia. É lóxico que sexan moi poucos os que teñan unha idea xurídica, ou sinxelamente intelectual, do Plan Ibarretxe, por exemplo. Pero calquera está en condicións de apoñerlle alcumes como secesionista ou separatista. Herrero de Miñón, que é sabio na materia, e que pensa o contrario, viuse descualificado non hai moito por plumíferos máis expertos en babuxa ca no exercicio da razón. É o resultado de non termos hoxe verdadeira política: o máis cómodo é escornar. ¿Quen dixo que o ser humano é superior porque fala? Escornemos, que estamos no país do touro.