PACO DEL RIEGO, cando con Peinador e outros comezou a reconstrucción do galeguismo, con Piñeiro xa incorporado a esa actividade, puxo a este en contacto con Domingo para que o atendese dunha doenza estomacal que moito o amolaba. Foi un encontro decisivo para a historia da cultura galega. Porque supuxo a incorporación plena de Domingo á cultura e á realidade de Galicia, nun compromiso que durou toda a súa vida, á vez que achegaba á causa galeguista todo o seu prestixio, que era moito, como médico e como intelectual. Domingo, amais diso, contribuíu de maneira decisiva a posibilita-la liberación de Piñeiro para que este puidese consagra-la súa vida á causa galega, dende poñer ó seu dispor un piso ata moitas cousas que aquí non hai espacio nin para nomear. Se un día se escribise a historia contemporánea deste país, o gran capítulo que a Piñeiro corresponde na loita pola conciencia de Galicia, en boa parte sería capítulo que pertence tamén a Domingo. A nosa desmemoria non pode seguir sendo eterna.