El era así

OPINIÓN

09 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

CONSÓLAME pensar que está con Ramón Piñeiro, o amigo de sempre, a quen seguía botando de menos mesmo nestes derradeiros tempos nos que parecía que estaba xa fóra do mundo. Por Piñeiro coñecín a García-Sabell no meu primeiro curso na universidade. Andaba eu moi anguriada con transcendentais problemas existenciais e cunha espiña de peixe na gorxa. Piñeiro dixo: «Ten que verte Domingo». Fun á consulta e preparou un vaso cunhas papas fluorescentes que brilaban na escuridade. Colocoume detrás dunha gran pantalla e pediume que botase dous ou tres grolos. E despois dous máis. Oíno suspirar. Sacoume dalí e díxome sorrindo e tocándome a fronte cun dedo longo e branco: «Rapaciña, a espiña tela aquí». Non dixo que aquelo se chamaba «o bolo histérico» ou que eu era unha neurótica; non, díxome aquelas palabras e eu sentinme como se fose Rosalía de Castro. El era así : garimoso e irónico, lúcido e comprensivo, intelectual e cordial; sempre elegante e excelente en todo o que fixo. A morte soubo agardar por el. En tres ocasións o avión que tiña que coller e que, por razóns alleas á súa vontade, non colleu tivo un accidente mortal. A min angúriame a decisión de cambiar os plans dunha viaxe. El díxome: «Non o penses. Colle o avión que che corresponda. Non cambies». Entendín que hai cousas que non dependen dun mesmo, e que hai que saber aceptalas. Él era así: loitador polas súas ideas, pero tamen fatalista; racionalista e crítico, pero aberto sempre ó misterio da existencia. E desa íntima dualidade nacía quizá a súa tolerancia, a súa postura conciliadora e comprensiva coas contradicións e coas debilidades dos outros. Non quería exercer de mestre. Un día díxome: «Non me trates de vostede que me fas sentir vello». El era así: novo por dentro, moderno no bo sentido da palabra, cosmopolita, acostumado a moverse polo mundo con naturalidade. Agora iniciou a derradeira viaxe. Quero pensar que estará con Ramón Piñeiro. Tanta intelixencia e tanta bondade non poden desaparecer para sempre.