PARÉCEME que os teóricos neoconservadores que tanto estiman no Pentágono non leron a Tocqueville, autor que tanto debera interesar no seu país. Terán lido a Hobbes, pero non parece que teñan lido ó barón francés, e moito menos afondado nel. Porque dende o señor de Tocqueville sabemos que a democracia xorde e xermola do desenvolvemento das sociedades avanzadas e non da imposición dende arriba. O que explica moi ben, entre outras cousas, que o suposto intento de leva-la democracia ó Iraq, se alguén o cre, non sería senón unha ilusión e uns ilusos os que o pensen. Do mesmo xeito que explica o xeral fracaso das democracias impostas por decreto en África, e noutras partes, a países tribais ou con sociedades primitivas. Convén non esquecelo. Non estaría mal que os Kennan, os Kagan, os Brzezinski, lesen con máis sosego a Tocqueville. E que substituísen a súa arrogancia imperial, como de adolescentes, por un mellor e máis acougado coñecemento da realidade, e, por suposto, desta nosa vella Europa.