POUCAS VECES alguén influíu tanto nunha xeración como Borobó. A nosa historia recente, por unhas causas ou por outras, está sen escribir. E paréceme que, en ocasións, non só por frivolidade senón tamén coa intención de desdebuxala. O amor á verdade non priva hoxe en Galicia, como se os usos políticos o emporcasen todo. Borobó axudou, motivou e deu alento á primeira mocidade galega que na década dos cincuenta xurdía en Santiago. Puxo ó seu dispor as páxinas de La Noche , que dirixía, e tivo moi claro que un novo alento creador se iniciaba en Galicia. E apoiouno con tódolos medios que tivo á man, con entusiasmo e aínda tamén con sentido histórico. En tempos nada doados para tal labor. El non era en realidade galeguista. Foi socialista, como todos saben. Pero socialista galego. Pode ser hoxe un exemplo para os que teñan as ideas políticas que el tivo. E que non sempre teñen claro que un e outro compromiso non se exclúen, senón que poden e deben camiñar á par. Por iso, foi un precursor. E un mestre.