Liortas sen estilo

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

13 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NUNHA CRÓNICA que Plácido Castro enviou a un xornal galego, cando a inauguración do Museo Nacional de Gales, escribiu: «... as palabras do Rei e a presencia do ministro do Interior foron mostra do criterio inglés de que a lealdade do pobo galés asegúrase exaltando o seu nacionalismo». O texto, entre outras cousas, expresa o que deben se-las maneiras políticas, un estilo ó que por estes eidos non estamos afeitos, e que, polo que se ve, imos tardar en ver. Sería moito pedir que no noso país os políticos concordasen con eses criterios civilizados. Pero sacar a reflexión esas e outras cousas, algunha vez pode ser fecundo. A política non pode seguir sendo o que é hoxe. Algún día terá que volver ó que sempre foi: a maneira máis eficaz de convivencia. Pensamos que é un erro moi grave para a normal convivencia, dunha moi arriscada frivolidade, converte-la próxima campaña electoral nunha liorta entre nacionalismos, central e periféricos. A democracia está ferida de morte pola escravitude do voto.