UN COLLE o xornal do día e mesmo «fica desvanecido», que di un amigo meu da outra beira do Miño. Porque a xente non sabe que cousa é a convivencia. A convivencia civilizada propia dun país calquera. E cústanos moito chegar a unhas maneiras democráticas que poderiamos chamar usuais. Pois resulta que non só se nega o presidente do Goberno a recibir a un presidente autonómico, porque non concorda coa súa política, que lle esixe que renuncie a ela. O que, en democracia, é sen máis un disparate, porque esa competencia é só dos electores. E, contaxiado do mesmo espírito tan pouco democrático, vén o presidente do Tribunal Supremo e dinos que a Constitución non se pode reformar. E se baixamos ata os ministros e líderes políticos, a cousa aínda vai a peor. Despois dun cuarto de século de democracia, a verdade é que seguimos sendo ben pouco demócratas. ¿Que demócrata é quen se nega a parlamentar, ou quen ten o valor de soster que unha norma non se pode modificar por outra, sempre que o decida quen pode facelo?