CAMIÑAMOS cara a un Estado máis policial e paranoico, di un autor. E dío pola actitude dos que hoxe imperan no mundo, polo seu desprezo das garantías xurídicas, dos principios xerais que informan a lexislación dos países civilizados e pola obsesión de controlar ós demais de maneira absoluta: haberá menos vida privada -din- pero teremos máis seguridade. Entre os procedementos máis sospeitosos está o TIA, ou sistema de vixilancia total das informacións, que pretende tratar nun macroordenador toda a información imaxinable da totalidade dos habitantes do planeta, o que vai permitir, en moi poucos segundos, debuxar con precisión a imaxe total de cada un de nós. Trátase, dinnos, de instaurar un mundo máis seguro. Poderemos coñecer os crimes antes de que se produzan. E están certos de que poderán anticipar o futuro pola interconexión da información total. Mañá, avísannos, saberemos todo de vós. Así o cren. E case seguro que así o van facer. Por moito que sexa o noso arrepío.