O pacto

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

VIGO É un gran observatorio, un gran espacio de confluencias. Tamén un tubo de ensaio. O que sucede en Vigo non pasa desapercibido: pola dimensión da cidade, pola súa puxanza obxectiva, pulmón dunha Galicia non sobrada de forzas, e pola súa dinámica social. Durante moito tempo Vigo foi tamén o espello da nosa sociedade civil máis activa. Mesmo se chegou dicir que a cidade bulía a pesar dos seus gobernantes. Vigo é a cidade máis moderna de Galicia, incluídos os problemas que a modernidade (non sempre lograda) comporta. Moitos cremos que en Vigo, na súa dialéctica interna e no que representa, nos xogamos o futuro. Por iso amamos esa cidade. Ben se entenderá, pois, que dificilmente poidamos ver pasar indiferentes os acontecementos políticos destes días. En Vigo non se está a discutir un modelo de goberno municipal, estanse a explorar (dende hai tempo, con propostas sucesivas) as posibilidades dunha alternativa de goberno non conservador para Galicia: dende os primeiros pactos PSOE-Unidade Galega en 1979, que levaron a Manuel Soto á alcaldía, ata esta situación de agora. Esa alternativa é necesaria, aínda que non sexa máis que por cuestións de mecánica de sistemas. Unha democracia é forte cando as alternativas funcionan. Con todo, por unha razón ou por outra, todas esas experiencias fracasaron ou, se o lector quere velo doutra maneira, coa botella medio chea: resultaron insuficientes. A cidade teima na súa, insiste en lle dar a confianza ao conxunto das forzas da esquerda, ou do centro-esquerda. Pero a fórmula non dá callado nun modelo estable, moito menos exportable. Neste sentido, ten razón o presidente Fraga cando di: están de acordo no non, pero non se poñen de acordo no si. A oposición non pode eludir esta responsabilidade. En política, emitir en positivo é fundamental. Non abonda con xogar á contra. Para ser alternativa de futuro e gañar a confianza do electorado, cómpre ofrecer estabilidade, credibilidade, programas atractivos e un horizonte ilusionante, algo que corresponde ás organizacións políticas (PSdeG-PSOE e BNG) moito máis cós protagonistas de cada goberno municipal, que ás veces son circunstanciais. É dende o discurso das organizacións, debatido e madurado internamente, non improvisado, dende onde deben xurdir as liñas estratéxicas que inspiran a actuación nos concellos (tamén no Concello de Vigo) e, por tanto, no futuro de Galicia. Gobernar é conciliar intereses, sumar esforzos arredor dun proxecto compartido, ilusionar. ¿Existe ese proxecto? Iso é o que cambalea, por máis que intentemos disimulalo con palabras e declaracións. A arte de gobernar en democracia, cando as sociedades son plurais e expresan orientacións diversas (complementarias), esixe talento e talante axeitados, intelixencia conciliadora, xestos de converxencia (non de confrontación), xenerosidade: pases de percorrido longo (en termos futbolísticos), non caneos na área pequena. Esta é a reflexión que, na miña opinión, deberían afrontar en serio os responsables das formacións políticas implicadas, mesmo partindo de cero, se houber que facelo así. E se para avanzar hai que mover pezas, móvanse.