Unha parte dos seres humanos está composta de auga e de materia orgánica. A outra parte, de emocións e de símbolos. A lingua é unha representación simbólica da realidade. O discurso da razón é, no fondo, unha forma de organización selectiva e xerarquizada de símbolos. Percibimos o mundo (e o representamos) a través de xestos, signos ou palabras, que son símbolos. A realidade non é como é, senón segundo a percibimos e somos quen de expresala. Jacques Chirac, presidente da República Francesa, e Gerhard Schröder, chanceler da Alemaña, principais motores da UE, veñen de asinar un acordo para promover programas escolares, dirixidos á educación secundaria, cara a construcción de espacios de recoñecemento común. O xesto é importante. Dende a guerra franco-prusiana de 1870, pasando pola Primeira e Segunda Guerra Mundial, xa sen recuar a épocas anteriores, as relacións entre os dous estados están tinguidas de conflictos e traxedias. Mais tamén de espacios e valores comúns, e diso é do que agora se trata: fortalecer, dende a base social, as cousas que nos unen, non as que nos separan. Hai anos, en Fráncfort, asistín a unha experiencia parecida. Un grupo de editores (franceses) intentaron poñer de acordo empresas editoriais de distintos países (incluídas algunhas culturas sen Estado, coma Galicia) para deseñar e redactar unha Enciclopedia Básica da Nova Europa (cen pequenos volumes), dirixida aos novos cidadáns do século XXI, na que se recollesen os grandes momentos históricos que, dende as idades máis antigas, configuran o espacio común europeo. Era unha idea magnífica. Pero que non callou. Galicia apuntouse ao Camiño de Santiago. «Ese é un invento francés», dixeron os de París. Chegamos ao acordo de facelo xuntos. Cando os españois propuxemos un volume para a época árabe, os nosos interlocutores (polacos, ingleses, alemáns, italianos) considerárono excesivo. «¿Que pintan aquí os árabes?». Botamos case dúas tardes para explicar que na Península Ibérica, durante setecentos anos, a cultura do Islam estivera presente dun xeito fundamental. Non estou seguro de que quedasen moi convencidos. As batallas de Napoleón que en España consideramos victorias, os franceses téñenas coma victorias súas. Os alemáns falaban de mundos que nós nin coñeciamos sequera. A interpretación das guerras de relixión era distinta segundo quen a formulase. A revolución francesa, xermolo da modernidade, era considerada por moitos coma unha agresión, non un feito civilizador. Os séculos XIX e XX convertíronse nun catálogo de agravios. Para ver de desatrancar o proceso, acordamos que cada editorial dispuxese dun reducido número de volumes nos que abordar aqueles temas que considerásemos específicos das nosas respectivas identidades. Pouco a pouco vimos como os títulos particulares ían ocupando cada vez máis espacio en detrimento do discurso común. Decidimos adiar o proxecto, por económicamente inviable (versión oficial). «Hai que agardar», dixeron os editores de Hasset. «Isto está verde». Non era unha cuestión económica. Era un problema político. A percepción simbólica da historia (e da realidade) difería profundamente en cada caso. ¿Como construir un espacio común sen unha consciencia ou percepción compartida da identidade? Esta é a cuestión, e supoño que a idea que preside a iniciativa franco-alemana. Unha reflexión que, con imaxinación e talento, deberiamos saber aplicar tamén na nosa propia casa.