Difícil normalidade

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

15 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

DÁ MESMO TERROR entrar nunha páxina da rede sobre o mal chamado federalismo asimétrico de Maragall. Digo terror e penso que expreso ben a realidade. Unha realidade que non debe de distar moito da dos anos trinta e tantos en canto a visceralidade, irracionalidade e babuxadas, todo xunto substituíndo á razón e ó coñecemento. Publicacións coñecidas e páxinas particulares, intervencións individuais e xornais dixitais, todo un coro abourador sen ideas, sen ningún esforzo por comprender e aínda menos por saber, condenaban ó fogo eterno algo do que demostraban non ter nin a menor idea. Nin falta que lles facía. Foi unha alegría saber que había unha voz á marxe dese rebumbio inquisitorial e aínda máis comprobar que era a de Ramón Lugrís facéndose eco dun debate, cheo de respecto e sen estridencias, entre Mas e Maragall, pensando un e outro só no ben de Cataluña. Unha refolgada de aire fresco para afastarnos por un momento de tanta barbarie. ¡Que difícil e anómala é neste país a normalidade!.