Chapapote e antiterrorismo

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

17 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ALÁ VAI UN ANO do contratempo do Prestige fronte ás costas galegas. Posiblemente o mellor fose que o deixaran encallar nalgún areal e proceder o máis axiña posible a trasvasar o crudo a outros barcos, parécemo a min, que tampouco entendo destas cousas. Pode que o peor fose levalo tan lonxe nunha mar embravecida, xa ferido e soportando a gran carga, co que era previsible que se partise e se mandase a tanta profundidade, aínda que con un humor moi negro laguen diga que así nos tocou un pouco a todos. Penso que non é cousa de repartir culpas; estas desgracias nos collen a todos sempre de sorpresa: nunha viaxe de pracer, durmindo, cazando ou sinxelamente distraídos pensando noutras cousas, e até xustifico que quen ten coñecementos e responsabilidades para afrontar estes atrancos se trabuque fronte a unha continxencia non agardada e non tome a mellor solución. Rematabamos de padecer o incendio do Urquiola e non houbo outro remedio que deixalo arder sobre as agullas que o feriron. (Acó hai unha responsabilidade para quen puso a descarga do crudo no pequeño porto da Coruña). Ao pouco tempo, o Mar Egeo foise a estrelar nas rochas ao pé da torre de Hércules, que houbo de pintala toda de negro, e voltar a arruinar unha manchea de explotacións pesqueiras e marisqueiras. Logo veunos o do Prestige , e por moi pacíficos e caladiños, como fomos sempre os galegos dende o século XV, cos accidentes semellantes, fortuitos ou non, non cabía máis que dar un puñetazo na mesa e dicir: «¡Xa está ben!, esto nunca máis pode voltar a pasarnos», e así apareceu a voz de «Nunca máis» como un lema de protesta que acadou un enorme eco na Galiza, na España e en todos os centros responsabeis a nivel internacional. Todos os galegos, de calquera orientación que sexan, de arriba e de abaixo, de diestra ou de siniestra, tiñan que estar con esta protesta, e nun principio xentes moi vinculadas ao Goberno galego adheríronse a esta protesta. Logo, se uns tomaron máis protagonismo que outros na protesta, os que tomaron menos consideraron que a protesta iba contra eles e tentaron silenciala e combatila ¡Unha pena! Pero estes desentendementos abondan. O estamos vendo. De calquera maneira, aínda que os gobernos síntanse atacados porque a protesta non cese, tamén é certo que elo axudoulles e xustificou o pedir axudas aos que están por riba deles, o que compensou en certa medida o mal, lonxe de ficar superado, pois o enfriamento que produxo a catástrofe na vida de Galiza non se vai quentar nin no próximo Ano Santo. Polo que a protesta, como un estar en garda, hai que seguila mantendo, pois estas desgracias son son privativas de Galiza, aínda que a nosa terra é como un rompeolas no que vén parar máis dunha corrente. E os sete millóns de toneladas diarias de crudo que se están movendo en barcos novos e vellos gardan unhas probabilidades de accidentes difícil de evitar. Acó non hai máis responsabeis que a utilización que se fai do petróleo para manter un fabuloso negocio, engañando ao mundo cunha burbulla que nalgún intre vai rebentar. Os pobos que teñen petróleo e se resistan a entregalo a esta festa acúsaselles de terroristas; e o terrorismo medra, e medran os antiterroristas. De xeito que nalgún intre preguntándolle a un amigo a que se adica, pode dicirnos que el é só un antiterrorista.