AS RECENTES declaracións do presidente Fraga recoñecendo a posibilidade de afrontar a reforma da Constitución, logo de 25 anos de vixencia, e a pesar da reacción dalgunhas figuras notables do PP, non son cousa para deixar correr de calquera maneira. Primeiro, pola significación e o peso específico de quen tal formula: presidente da Xunta, presidente de honor e fundador do PP, corredactor do texto constitucional. Segundo, pola circunstancia política que estamos vivindo, co plan Ibarretxe enriba da mesa e o mapa resultante das pasadas eleccións en Cataluña. Terceiro, porque non é a primeira vez que o di, aínda que tamén é certo que nunca quixo logo concretalo nunha iniciativa política ou parlamentaria, quizais consciente da súa posición minoritaria dentro do partido, fóra do cal non quere xogar. Algúns comentaristas (e non poucos voceiros da política conservadora) negan a maior dicindo que non hai tal necesidade de reforma, que as preocupacións do pobo (da sociedade) van por outros vieiros, que estas debouras están máis na clase política ca nos intereses obxectivos do común. Non estou eu tan seguro, sinceramente, despois de analizar os resultados das eleccións catalanas e mesmo das non tan distantes en Euskadi. Máis da metade da poboación desas comunidades decántase sen disimulos por unha decidida vontade de autogoberno e respalda as posicións de transformación do actual marco constitucional, mesmo con propostas radicais nalgún caso. As sociedades vasca e catalana están por un cambio, declárano conscientemente, e tal cambio oriéntase cara a profundización nas súas capacidades de autogoberno e identidade política. O que hai non lles serve, ou parécelles cativo de máis, esgotado. Podemos discutir por qué se chegou a este punto. Mais a realidade expresada nas urnas é esa. Os empresarios cataláns algo lle dixeron a Mariano Rajoy. A herencia que deixa Aznar é moi dura. O 4 de decembro de 1977 centos de miles de persoas saímos ás rúas de Galicia reclamando un tratamento digno, consonte a nosa condición de nacionalidade histórica no marco constitucional que entón se debuxaba, á par de vascos e cataláns. Cando a UCD e mailo PSOE intentaron no seu momento a segunda vía , manobra de aferrollamento do modelo galego para que servise de teito a outras reivindicacións autonomistas (Andalucía), miles de cidadáns mobilizámonos a prol do noso, para non ficar atrás, conscientes do momento histórico que estabamos a vivir. Foron os días de Realidade Galega, por exemplo, posicionamento activo dun importante sector do galeguismo histórico a prol da dignidade política de Galicia no marco da nova constitución. E mesmo os pronunciamentos de alcaldes socialistas e da propia UCD, rompendo a disciplina das direccións de Madrid. Galicia reaccionou e non perdeu o carro de algo fundamental: as súas posibilidades políticas no marco do Estado. Vintecinco anos despois conviría botar unha ollada cara a atrás e outra cara a diante. Cara a atrás porque a conquista da autonomía, no nivel ou degrao que a conseguimos, foi o resultado dunha acción común, un esforzo de unidade, incluída a sociedade civil (medios de comunicación, empresarios, sindicatos, universidade). Cara a adiante porque dun xeito ou doutro, e seguramente máis cedo ca tarde, haberá que abrir o melón constitucional e, daquela, deberiamos saber onde queremos poñernos.