¡Non pasa nada!

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

22 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

POIS CLARO que non pasa nada. Nin a situación política catalana é un rompecabezas, nin ten nada de ensarillada, nin é tampouco cousa nova. Só o reaccionarismo máis escuro pode poñer en dúbida o evidente: que unha sociedade tan desenvolvida como aquela sabe sempre facer acaído uso da súas capacidades e dos seus medios para resolver o que sexa. Claro que a sociedade reaccionou en catalanista. Mellor será dicir que se viu na necesidade de subliñar o seu catalanismo. Porque se sentiu agredida pola política de confrontación que, de maneira tan cega como irresponsable, se vén executando dende o poder, experto como é sempre en escornar, alporizar e babuxar. Pero non pasa nada. Estou certo de que, como de costume, os cataláns arrombarán a súa casa o mellor que saiban. E adoitan facelo moi ben. O único que cómpre agora é ter a finura de deixalos en paz para que o fagan á súa maneira. É máis, penso que nos van dar unha lección de civismo, de sosego e de bo facer. E aínda así non aprenderemos a lección.