PRESENTOUSE recentemente en Santiago a restauración dun film histórico, La casa de la Troya (1924). A película, de case tres horas de duración, 3.839 metros de celuloide, pasábase en dous programas: primeira e segunda parte, segundo o formato máis común da época, e foi realizada polo propio autor da novela, o escritor e xornalista Alejandro Pérez Lugín, en colaboración co asturiano Manuel Noriega. Como producción artística, non ha pasar á historia do cine, certamente. Mais como documento, estamos diante dunha pequena xoia. A vocación populista e folclorizante do autor, que hoxe adscribiriamos sen dúbida ao xénero da galegada" , ofrécenos algúns cadros, tipos humanos, espacios de relación social: a feira, a romaría, a malla, filmados en directo, sen extras, coa xente do común no seu contexto, que adquiren unha dimensión testemuñal extraordinariamente emocionante. Ese mundo xa non existe. Pero era o noso mundo, e en certa medida segue séndoo. Enténdame o lector: non falo de saudades nin de melancolías. Falo de documento e memoria, de referencias necesarias. O audiovisual galego, que hoxe comeza a configurarse coma unha vía de creación e expresión importante, non é un invento de onte, aínda que o machadazo da guerra civil tronzase tantas cousas. Ten as súas raiceiras, aínda que sexan precarias, e vén de atrás, na preocupación dos vellos mestres pioneiros. Penso en José Gil, por exemplo, fotógrafo vigués, autor de Miss Leyda (1916), probablemente a primeira producción cinematográfica galega de ficción, a quen vemos na portada do semanario Vida Gallega , en 1910, amosando o cinematógrafo a Manuel Murguía, presidente da Real Academia Galega. Ou nos traballos de José Seller, fotógrafo de orixe francesa, que contra finais do XIX xa proxectaba cine e arriscaba produccións propias na Coruña. Ou en José Signo, xornalista, realizador e guionista de La tragedia de Xirobio (1930), sobre textos de Castelao, recentemente recuperada tamén polo Centro Galego de Artes da Imaxe. Dende a creación do CGAI, en 1991, Galicia conta cunha institución que vén realizando un importante labor na recuperación e mesmo reconstrucción da historia do audiovisual galego, labor que cómpre apoiar e aplaudir. Ademais das citadas, o CGAI traballa da actualidade na restauración da versión primeira de O carro e o home , curtametraxe que atribuímos a Antonio Román, con textos e voz de Xaquín Lorenzo, e quen ten bastante historia detrás, polo que no seu momento saberemos. Nesta mesma liña dispoñemos de documentos de extraordinario valor, tal que os traballos de Gil (reportaxes e ficción), de Luis R. Alonso ( Un viaje por Galicia , 1929), de Enrique Barreiro ( Pontevedra cuna de Colón , 1930), de Elixio González, etcétera, xunto con outros moitos de carácter anónimo, ata sumar 1.836 títulos disponibles en soporte cinematográfico (entre curtametraxes e longametraxes), entre eles a primeira película galega recuperada, a botadura dun barco en Ferrol, en 1913, ou eseS seis segundos da Bela Otero bailando en París, probablemente de 1904. A recuperación dos traballos de Xosé Suárez e do periodo de Carlos Velo anterior á guerra civil están tamén na axenda do CGAI, que dirixe Xosé Luis Cabo, e un documento de extraordinario interese: a visita de Alcalá Zamora, presidente da Segunda República, a Vigo en 1934, primeira producción sonora recuperada de antes de 1936, realizada pola productora pontevedresa Folk, propiedade dos irmáns Barreiro. Ás veces, porque as cousas sempre se contaron a medias, ou interesadamente mancadas, temos a impresión de que a modernidade é un invento de agora, e xa ven que non.