DESPOIS das lixeirezas de Rajoy metendo medo pola posible entrada de ERC no Goberno catalán e das pullas de Pujol polas inoportunas interferencias de aquel na política catalana, explícanse menos as exhortacións de Aznar sobre a mesma materia. Só se xustifican por non ter aprendido a lección, ou por non querer aprendela. Asombran as obsesións de permanente tutela que sente Aznar, tanto que non lle importa que se volvan contra el, como lle ocorreu o día 26 en Barcelona nun acto ó que non só non asistiu unha boa parte dos convocados senón do que estiveron ausentes os empresarios máis significados, que a prensa citou polos seus nomes. Díxoo moi ben Pujol ó subliñar que Cataluña, os seus partidos, a sociedade catalana e as institucións son o suficientemente maduros como para que nos veñan dar medo e ameazando co coco. As obsesións de Aznar impídenlle comprender tales cousas. Como lle custa comprender que, na España de hoxe, el é máis problema que ERC. Unha evidencia que a sociedade vai asumindo.