DESPOIS de case dous anos Afganistán é un país e unha cuestión esquecidas, como tantos outros que tiveron que aturar semellantes xestas heroicas do hexemón mundial, tamén democratizados de maneira semellante á que agora se nos propón para Iraq. Pero a xente xa esqueceu tanto ben, tanta democracia, tanta liberdade. Mais todos sabemos que a resistencia talibán continúa e que, ademáis, parece cada día mellor organizada, que as súas operacións de resistencia son case diarias, dende atentados ou emboscadas a secuestros de traballadores estranxeiros. Polo que o exército americano multiplica as súas operacións ó chou e confunde grupos de nenos con terroristas. Feitos que levan a un descrédito total do país invasor, que non conta con máis apoio interior que o dos chamados señores da guerra , grupos tribais que teñen os seus exércitos, non para poñelos ó servicio do país, senón dos seus propios intereses. Unha situación como para ser optimistas. Moito ben, moita democracia, moita liberdade.