GUILLERMO de la Dehesa pasou estes días por Galiza presentando o seu segundo libro sobre globalización. Se no primeiro era para entendela, neste segundo o amplía á desigualdade e á pobreza, pois el entende que estas situacións que padece un amplo sector do mundo é porque está desasistido das virtudes da globalización. Desde que Guillermo chegou a Galiza procurou reunirse con xentes galegas alleas á súa formación de economista, e tomouse a molestia de perder un tempo pecuniario invitándonos a xantar de tempo en tempo para falar de todo o habido e por haber. Algúns dos comensais xa nos teñen deixado, como Ramón Piñeiro. Outros seguimos vivos, como os ex rectores Pajares e Darío, o teólogo Torres Queiruga, os polígrafos Alfredo Conde e Juan Ramón... Eu representaba o inconformismo que como convidado de pedra adicábame máis a escoitar. Carmen Goicoa coordinaba as xuntanzas. Como economista de alto prestixio, asesor de banqueiros e financeiros, víase, e vese, que exerce con profesionalidade, con fe como o agrimensor de Kafka, sen tirar tallada nin especular. Sempre o considerei como unha rara avis dentro desta clase de homes do sector do emprego, o interese e a moeda, que o fan escravo de canta institución internacional reclama o seu criterio. Atópase casado cunha pintora que sabe moi ben o que fai e que el a entende, o que me axuda a entender a súa personalidade. Aínda que Guillermo coida que a pobreza ten diminuído en termos relativos, cousa non fácil de aceptar, considera que os niveis de pobreza no mundo seguen sendo escandalosos e intolerables, fronte á opulencia acadada polos países de alto desenvolvemento tecnolóxico. Elo ven confundir, de algunha maneira, a globalización coa tecnoloxía, factores que poderían atacar o nivel de pobreza do terceiro mundo, se outras forzas máis poderosas o permitisen. Até acó estamos de acordo. Sucede que ademais da crítica economicista a sorte da humanidade fica condicionada por outros factores: a herdanza da selva da que temos saído con apetitos bestiais e axexos enganosos para se facer coas presas fican reflexos atávicos na especie, e eso faise patente incluso en moitos dos que están gobernando o mundo. Tamén a soedade de uns e a taumaturxia de outros constrúen esperanzas e perdóns dende distintos credos que, ás veces, impelidos pola miseria convértense en armas invencibles. Logo, se o benestar de algúns pobos débese ao progreso da ciencia e da técnica (da tecnoloxía como a partir da influencia da cultura ianqui na nosa chámanlle todos, menos eu que son da vella escola), logo, digo, este avance tecnolóxico non tería a súa forza se non fose apoiada no recurso do petróleo nun 80%. Os técnicos que poden medir e calcular cando e como se vai ir acabando o petróleo poderían informarnos de cando se producirá a desfeita do benestar social sen que poda facer ren o progreso da ciencia e da técnica. Tentar retrasar ese intre é o que xustifica a ocupación do Iraq e que agora teñan ao seu presidente, ao que armaran para atacar ao Irán, tratado como a un can. Un eslogan americano no século pasado dicía Think Globally, act Locally , que agora cando algúns anticuados queren uniformarnos en lugar de unirnos teriamos que dicirlles o contrario: Think Locally, act Globally : converte en santo entendemento a nosa realidade de pobos diferenciados. Que me perdoe Guillermo que eu sexa tan pesimista, mais esto non desminte o que eu o estimo e admiro.