¡Foi a outra!

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

27 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ARMEINA BOA o domingo pasado apoñéndolle a Cristina Almeida o que ía destinado a Cristina Alberdi. A primeira chamada que tiven foi dun veciño meu de Tebra, no Baixo Miño, que me fixo sentir vergoña polo meu erro sobre as dúas Cristinas. «Non foi esa da que falas. ¡Foi a outra!» -berroume. E, feliz de me ter collido nun renuncio, engadiu aínda: «Estas cousas non pasaban nos tempos de Franco». E explícame que naqueles tempos un sabía que López Bravo non era Fraga e que este non era López Rodó. Por iso ninguén confundía tampouco a Girón con Solís. Estou certo de que hai algo máis alá do que me di. Pois sospeito que me está suxerindo que nos tempos que corren, maiormente as persoas que se dedican á política, non están ben definidas, son moitas veces intercambiables e, por iso, non se agarran ben á memoria, como tamén el me di. Dígolle que non é ese o meu caso, que foi a présa, que isto e que aquilo; pero el non me cre e aférrase a algo que ten moi claro: que estes erros non cabían nos tempos de Franco.