07 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

LEVO TEMPO xa con esta sospeita: que a Estrela de Belén, a que viron os Magos (nos Evanxeos nada di de que fosen reis), non anunciaba realmente o nacemento do fillo de María e Xosé, senón a Matanza dos Inocentes (aínda se prolonga ata estes días, perpetuada polo partido que fundou Herodes e que segue a gañar as eleccións en Israel cunha cómoda maioría). Pero non o sei. Este foi sempre o problema cos presaxios: como forma de transmitir información estaban ben para cando se inventou, pero hoxe resúltanos inútil. É unha toscalleira variante do xornalismo: sesgada, pouco de fiar... O equivalente remoto, en definitiva, deses xornais que reparten gratis no metro en Madrid. Por amplificar as posibilidades de acertar o vulgo impulsou a idea de que estes eclipses, cometas e demais anuncian algo malo, porque efectivamente non é difícil atopar un mal suceso para emparellar cun corpo celeste. Pero cal suceso en concreto xa non é tan doado sabelo. Por iso case non me atrevo a aventurar a miña propia hipótese acerca do meteorito que caeu en León eses días atrás, como fai todo o mundo. A todos eles, o meteorito sírvelles para avanzar a súa teoría, e así levamos varios días lendo e escoitando que a pedra anuncia desde a fin do mundo ata a reforma constitucional ou o empate do Deportivo no Vicente Calderón. Quen sabe. A min chámame, en cambio, a atención que o corpo celeste caese precisamente en León, a patria chica de Rodríguez Zapatero, e penso se non revestirá isto un significado. Quen sabe se non será esta a forma que ten Deus de comunicarse co Partido Socialista e dicirlle que cambie de líder. Pero xurde a pregunta de sempre: ¿para isto era necesario deixar caer un pelouro do espacio, darlles unha preocupación ós pastores de Tierra de Campos e sacar da cama á Guardia Civil? ¿Non lle sería máis fácil á Divinidade, xa de querer intervir na campaña electoral de marzo, valerse, por exemplo, das páxinas dos nosos colegas e amigos do Diario de León? E por outra parte: ¿é que os socialistas precisan realmente dunha manifestación da ira divina para caer na conta? ¿non lles abonda con esa outra manifestación da ira, esta vez humana, que son as enquisas de opinión que publican os xornais? En fin, como digo, ese é o problema cos presaxios, que ninguén sabe o que queren dicir nin sequera se queren dicir algo. Ó mellor o que anuncia o meteorito é simplemente o comezo das rebaixas de xaneiro. Que tamén pode ser. mmurado@yahoo.com