NON COÑEZO ningunha outra cultura no mundo onde exista unha fórmula de elaboración do canon literario e cultural semellante ao Día das Letras Galegas. Cada ano, a Academia Galega elixe un escritor ou unha escritora á que se recorda e homenaxea o 17 de maio, aniversario da primeira edición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, e dese xeito, dende 1963, vaise configurando o discurso institucional da nosa literatura. Outras culturas fano a través do ensino, ou do labor máis demorado das academias, construído ao longo da historia da comunidade. No noso caso, obrigados a recuperar tanto tempo e tanto espazo perdidos, a onomástica das Letras, eficacísimo invento de Paco del Riego, vén ser o mecanismo socialmente recoñecido para a elaboración desa nómina de obras cerradas (conclusas) que constitúen o patrimonio básico da nosa identidade cultural, o canon : dende Rosalía de Castro, a primeira, a Xaquín Lorenzo, Xocas , o autor elixido nesta ocasión. A Xunta de Galicia vén de publicar o decreto segundo o cal este ano 2004 queda culturalmente adicado a Xaquín Lorenzo Fernández (1907-1989), discípulo da xeración Nós, continuador de Florentino Cuevillas, Otero Pedrayo e Vicente Risco, introductor entre nós dos estudios de cultura material , a cultura popular, a cultura da vida e do traballo, as ferramentas e os costumes, a casa e o carro, a música e as celebracións¿ O Ano Xocas, que a Xunta asume con carácter oficial, recoñecendo a designación da Academia, debería servirnos para repasar a memoria de nós e, nalgúns casos, mesmo para reconciliarnos con ela. Esa casa dos avós, non sempre considerada polos netos, ás veces deixada de man, estragada polo tempo, garda dentro de si, en cada trabe ou humilde soleira, tesouros de anos vividos, voces que deberiamos ser quen de escoitar, e entre as ortigas que arestora afogan os lavadoiros da represa séntense aínda as risas e os contos de antano, historias que foron antes cá nosa, amores perdidos, regreso de emigrados, o tequelexar rexo do liño, o cantar do carro que volve a casa contra a tardiña¿ Tal é o mundo, non tan distante como algúns pensan, que podemos evocar gracias aos traballos de Xaquín Lorenzo. En 1962 publicouse en Buenos Aires o segundo volume da magna Historia de Galiza que dirixía dende aquí Ramón Otero Pedrayo, financiada a edición pola emigración arxentina, principalmente por Manuel Puente, o seu mecenas principal. Otero encargou ao noso autor a elaboración do tomo adicado a Etnografía e Cultura Material , auténtica xoia que o lector de hoxe ha saber degustar con esmero. Magnífico debuxante, Xaquín Lorenzo levantou angazos, sachos, picarañas, trabes, texouras, cumes, beirados, solainas, alboios, arcos, rellas, rodicios, mallos, toletes, gamelas, dornas, puntais... poñéndolle a cada un o seu nome, facéndolle o sitio, buscándolle a súa explicación, na harmonía lóxica dun universo que el sabía tamén que se ía, pero que era a raíz, a estirpe, polo que decidiu converterse no seu notario escrupuloso, paciente e namorado. Unha visita ao Museo do Pobo Galego, institución da que foi presidente e fundador e á cal deixou herdeira da súa obra, ben merece esta ocasión, e máis o apoio económico das institucións públicas, para engrandecela. Que será engrandecernos a nós.