UN AMIGO estranxeiro pídeme que lle explique algo que non entende de nós: para el é un enigma que despois de ser postos en ridículo no mundo polos gobernantes ó levarnos a unha guerra non desexada por máis do 90 por cento dos habitantes, e que nos escornou cos países europeos, cos árabes e cos hispanoamericanos; despois de que o Goberno radicalizase uns nacionalismos que non ían mal encarreirados; despois de nos poñer preto dunha catástrofe por mor do excesivo peso do crédito hipotecario na sociedade; despois de aturar un Goberno con dirixentes de tan coñecido pésimo estilo, e que para máis nos levaron á traxedia do Prestige. .. como é posible, dime, que as intencións de voto non sexan as dun radical cambio de goberno. Fago por explicarlle que ó mellor a xente ve máis seguranza na situación actual, coñecida, que noutra futura e por iso máis incerta, ou que pode ocorrer tamén que, nunha sociedade que se fixo conservadora, o cambio non é o problema. O meu amigo non o entende. E eu tampouco.