A RECENTE DECISIÓN do Tribunal Constitucional italiano de invalidar a Lei de Inmunidade que o presidente Silvio Berlusconi deseñou para se librar a si mesmo da xustiza, acusado de corrupción de xuices e outras falcatruadas, reconcílianos coa democracia e co sistema. Non abondan, desgraciadamente, noticias deste tipo, cando o poder ocupa tantos espazos, tanta soberanía (que non lle pertence), tanta sociedade civil, impunemente. A modernidade política, conquista occidental a prol da dignidade e o progreso das nacións, fundaméntase nun sistema de equilibrio de poderes, a coñecida fórmula de Montesquieu: poder executivo, poder lexistativo e poder xudicial, independentes uns dos outros, autónomos nas súas actuacións, pezas complementarias para o funcionamento do conxunto. O poder lexislativo (o Parlamento), depositario da soberanía popular a través do voto, elabora e lexitima as leis. O poder executivo aplícaas e goberna, segundo o mandato que lle confiren as maiorías. O poder xudicial fiscaliza e vixía, garante os dereitos da cidadanía e cuida de que se respecten as regras. Malo cando uns e outros invaden ou desprazan as competencias do veciño. Malo cando algún abusa e asoballa a calquera dos demais. O caso Berlusconi, manipulando as leis da República para protexerse a si mesmo contra as acusacións da xustiza italiana (¡o presidente do Goberno!), era e segue a ser un exemplo dese abuso, seguindo un procedemento bastante parecido ao que no seu día permitiu a Adolfo Hitler, que chegou ao poder executivo coa lexitimidade dos votos, dinamitar o sistema democrático e impoñer o totalitarismo (e o terror) na Alemaña nazi. Con non tantas diferencias o mecanismo vén ser o mesmo. O perigo do poder é este: o abuso, a ocupación (ou apropiación) dos dereitos dos demais, mesmo que se intenten xustificar certas actuacións co argumento das maiorías parlamentarias e os votos recibidos. Un cuarto factor de equilibrio, complementario dos tres citados, configurouse nos últimos dous séculos, cando menos nas sociedades occidentais, co desenvolvemento da opinión pública, expresada a través da autonomía e a independencia dos medios de comunicación. Coñecida é a frase de Jefferson: «Antes periódicos sen goberno que goberno sen periódicos». Sen opinión pública libre, plural, desinhibida, tampouco hai democracia verdadeira. A fundación alemana das Caixas de Aforro de Leipzig acaba de conceder a La Voz de Galicia o seu premio anual pola Liberdade e Futuro dos Medios en recoñecemento á cobertura que este xornal fixo no seu día do suceso do Prestige . Non extrañe ao lector que estas cousas veñan ás veces de fóra. Segundo a acta do xurado, o premio concédese ao labor informativo do xornal que «resistiu presións políticas e demostrou de maneira exemplar a forza e a necesidade dunha prensa libre e independente (¿), rexeitando os intentos do Goberno e das autoridades locais para minimizar a catástrofe». A explicación abonda. Non foi unicamente La Voz, houbo algúns outros, pero naqueles días difíciles moitos sentímonos orgullosos de escribir neste periódico. A Galicia (e a España) moderna, onde tantas prácticas e actitudes pre-democráticas perviven aínda, enquistadas no noso tecido social (e nos nosos comportamentos), precisa de reafirmar estas posicións de liberdade, independencia, profesionalidade e autonomía. Equilibrio de poderes e dereitos de cidadanía. Regras de xogo claras e responsabilidade das partes para exercelas. Sociedades libres, en definitiva: esa conquista histórica que ás veces parece que nos regalaron e non é así, hai que gañala (e recordala) todos os días.