Complexas inferioridades

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

17 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTOU certo de que algunhas saídas patrioteiras de Ibarra, de Bono ou de Aznar, e outros, a que nos ten acostumados o nacionalismo excluinte, que é o español, non son tan só, como algúns pensan, consecuencia dun pasado de corenta anos de franquismo. Parécenme motivadas por complexos de inferioridade. No caso de Aznar non só porque lle acomplexe, polo que din, que os periféricos Pujol, Arzalluz ou Fraga poidan falar media ducia de linguas cada un, cousa que non se estila en Quintanilla de Onésimo, senón porque o seu complexo é tamén de orde imperial, e, por iso, quere vingar o desastre do 98 inscribíndonos no imperio fundamentalista de Bush. E todos converxen ademáis en ser bos referentes do complexo de inferioridade xeral do país diante das sociedades vasca e catalana, máis modernas e desenvolvidas, e máis europeas. Complexos que, xunto co do desastre imperial do 98, teñen verdadeiramente entangarañado a este país. Só a cultura podería sandar esta doenza de inferioridade. ¿Pero para cándo?