A PROPÓSITO do que escribín días pasados sobre a antoloxía de obras literarias de mulleres, comentoume unha lectora que o machismo que revelaban aquelas testemuñas era propio dos países latinos e da Inglaterra victoriana, pero que pensaba que nos Estados Unidos as cousas foran diferentes, dado o papel das mulleres na colonización das terras do Far West . Pois, segundo o que teño lido, coido que alí as cousas foron semellantes. No outono pasado publicouse naquel país un libro que recolle a historia das mulleres americanas ó longo de catrocentos anos: America's Women, 400 Years of Dolls, Drudges, Helpmates and Heroines, de Gail Collins. O libro non aporta moitas novidades para os especialistas no tema, pero disipa toda dúbida sobre o papel das mulleres naquela sociedade. É o mesmo que no resto do mundo occidental: vidas que estaban en función dos homes que as rodeaban, pais, maridos, fillos ou irmáns. O que dicía Emilia Pardo Bazán do destino relativo das mulleres é tamén aplicable ás americanas, pioneiras do Oeste incluídas. Un repaso ás leis revela aspectos curiosos. Por exemplo, nalgún estado un home acusado de violación só era condenado se a muller, antes do feito, era virxe. E mesmo así dependía doutras circunstancias. Un xurado composto por homes absolveu a un rico avogado acusado por unha costureira porque a víctima debería ter suposto que a un home daquela posición social só podía interesarlle dela o sexo. Xa no século vinte, recorda Collins que o traballo das mulleres estivo suxeito o interese dos homes. Durante a Depersión, as mullerse casadas que traballaban eran obxecto de críticas porque lles quitaban traballo ós homes. Durante a Segunda Guerra Mundial o Goberno pediu ás mulleres que traballasen nas fábricas e eran mal miradas as que non o facían, pero, acabada a guerra, foron despedidas para deixar os seus postos ós veteranos. E aquí e aló, sexa cal sexa o traballo dunha muller -dende mestra a astronautas-, o que todos agardan dela é que saiba cociñar.