Farolas

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

28 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

QUERO borrar con goma a tristeza: porque este mundo no lo entiendo, canta a radio. Quero que non linchen a un cidadán (sexa alcalde ou conseller en cap), pero non soporto aos condenados (por abuso sexual a unha menor) que ostentan cargos públicos: porque non me parece decente, ético, digno. Quero que se defenda a inocencia, pero quero aínda máis, con todas as forzas, que o meu presidente non xustifique nunca máis a aqueles que a Xustiza declara culpables. Quero que Carod Rovira pida perdón: por desleal. Quero que a política non ensucie a cara deste país a diario. Quero que o futuro sexa de rosas, aínda que teña que escribir mil veces nas paredes o nome dun fracaso. Quero estas cousas unha mañá de xoves, mentres espero tempos mellores e as flores agardan os labios dun carnaval con disfraz de pallaso, ollos que dicten a palabra ilusión, mans que acaricien os meus dedos, a lúa, os amigos, cancións repetidas na esquina da alma. Hoxe estou triste. Con esa melancolía de poeta rendido que non escribe versos. Esta España aflixe, aturde, enturbia a razón e as ganas de abrazarme ás farolas da madrugada. O columnista só quere, prometo, unha goma de borrar tristeza. Porque este mundo no lo entiendo, corazón.