Culebrón Carod

FRAN ALONSO

OPINIÓN

29 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

RESULTA asombroso que Carod-Rovira cometese un erro político de tanta envergadura. E non porque se entrevistase coa cúpula de ETA, pois os que estamos a favor da paz e en contra da violencia terrorista temos que apostar con valentía polo diálogo. E posicionarse a favor do diálogo non significa ser tolerante co terrorismo, por moito que o maniqueísmo aznariano, a demonización da discrepancia e a demagoxia electoral da dereita queiran facernos crer o contrario. A cuestión non está no que Carod fixo senón en cómo o fixo e por qué o fixo. Por unha banda, o vicepresidente do Goberno catalán non era o interlocutor máis apropiado para unha negociación con ETA e iso Carod non podía ignoralo. Por outra, arriscábase a que a oposición puxese, como puxo, en cuestión ante a opinión pública toda a súa traxectoria democrática, amais do seu traballo en beneficio dunha nova idea de nacionalismo integrador para Cataluña. Cousa distinta sería que o seu encontro coa cúpula etarra se efectuase coa complicidade de Maragall e se fixese público inmediatamente despois de suceder. Nese caso, o feito achegaría unha carga simbólica a favor da negociación, a favor dunha vía irlandesa para Euskadi. Pero non o fixo así e Carod foi víctima da súa propia inxenuidade. Daquela, ¿para que o encontro? A actuación do ex conseller en cap púxolle ao PP en bandexa a oportunidade de botar abaixo o Goberno tripartito. Porque o que realmente lle interesa ao Goberno do PP, que parece utilizou estratexicamente o informe do Centro Nacional de Intelixencia sobre o encontro en Francia, é Maragall, e non Carod. A xogada era, con seguridade, asestar un golpe ao PSC en plena precampaña que desestabilizase as posibilidades de Zapatero. Curiosamente, Zapatero rendabilizou o acontecido, pois el e o seu nucleo de achegados, que non acaban de comprender a España plurinacional como unha riqueza senón como unha ameaza, estaban seriamente preocupados ante a posibilidade de que a formación do tripartido en Cataluña lles restase votos nas xerais. De súpeto, o asunto Carod permitíalle mostrar ante o seu electorado unha postura de absoluta firmeza fronte a Maragall. O que seguramente tampouco esperaba Zapatero era a a habilidade coa que, finalmente, obrou este último.