ESTE ARTIGO podería levar tamén como título «Demagoxia intolerable», «Irresponsabilidade política», «Comportamento indigno», ou mesmo «Mesianismo patolóxico». Todos eles aluden a ese personaxe, rebotado fillo de garda civil, catalán de nova feitura, que coa mentalidade fanática do converso está rompendo as máis elementais regras do xogo democrático. Ou sexa, a Carod-Rovira. Personaxe que pertence á perigosa estirpe dos de «sostenella y no enmendalla», tan característica dunha época e dunha clase social en España. Que tal individuo chegue a un posto de goberno é un indicio da confusión dos tempos que vivimos. E que despois de descubrirse a súa confabulación cunha banda de asasinos non sexa expulsado sen contemplacións dese posto, é sinal da corrupción que o poder leva consigo. ¿Ata cando teremos que seguir soportando que terxiverse demagoxicamente principios e mensaxes? Como se lle consinte utilizar ese «No pasarán» que foi a consigna dunha resistencia heroica contra Franco? ¿De que está falando ? Na guerrra civil española Madrid defendía a legalidade dunha República, elixida por democrático sufraxio universal, contra o exército posto en pé por un xeral que, como Carod-Rovira, se consideraba salvador da patria. O pobo de Madrid, aplastado polos bombardeos e morto de fame, dixo entón: «No pasarán». ¿Que hai na cabeza deste home cando utiliza en público ese lema para explicar o seu infame comportamento? ¿ Quen é o inimigo que non pasará? ¿Todos os que non pensan coma el ? ¿O PP, o PSOE, ou os españois que non votan ó seu partido? ¿Que fantasmas quere resucitar? Agora ameaza con presentarse ás eleccións xerais. Non lle faltarán votos, porque tampouco lle faltan a ETA. Hai xente para todo, pero eu confío en que os cidadáns de boa vontade que o votaron para o Goberno de Cataluña, recapaciten e se decaten de que xa tivemos dabondo salvadores da patria no pasado. Dende a defensa da democracia e da legalidade hai que dicirlle: Non pasarás.