XOSÉ CARLOS CANEIRO
05 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ESCRIBIMOS mentres Zapatero 007, misión en España, pescuda con Anacleto e Peter Sellers ( the Pink Panther ) na procura do tempo perdido. Qué goberno, qué oposición, qué ridículo, que intelectualidade sometida no maniqueísmo moderno dos Goya: uns e outros discutindo de todo, sobre todo, en torno a todo... excepto de cine. ¿Santiago Segura é un autor subvencionado polo Ministerio de Cultura e por esa entelequia que denominan «cine español»? ¿Por que Erice non asiste aos premios Goya para mofarse e pegar unha patada (entre as pernas) a esta estupidez supina repetida ano tras ano? Qué gran desgracia esta de non ser correcto. A corrección política e cultural é o que está de moda neste país ineficiente. Mortadelo e Filemón son a imaxe real desta España de escaparate e lata. Torrente é un ídolo de masas. Espero que regrese Martínez Soria para reivindicar un cine tan casposo como este que defende a neoprogresía. Pedro Lazaga non era peor que Garci ou Álex de la Iglesia, era o seu homólogo. Os cineastas debían dedicarse a facer cine e non productos con data de caducidade. (E como sei que a partir de hoxe serei un individuo denostado polo «cine español», reclamo, tamén, o meu dereito á discrepancia). Pues eso.