AS UNIVERSIDADES galegas reciben un 30% menos de recursos públicos que a media estatal e, paradoxicamente, os cidadáns galegos pagamos varios céntimos máis que os do resto de España cada vez que poñemos un litro de combustible nas gasolineras, disque para financiar servizos de asistencia social e sanitaria. Algo non cadra. Máis do 80% do I+D, é dicir: o investimento en renovación tecnolóxica e investigación, sementeira fundamental para o futuro, prodúcese nas universidades. A creación dun espacio europeo para a educación superior, obxectivo deseñado na Sorbona e en Boloña (1999), obríganos a un esforzo obxectivo de planificación e aproveitamento de recursos que non é realizable sen a correspondente financiación. O ano 2010, data concertada para a converxencia nun gran espacio europeo, está coma quen ás portas, e a nosa capacidade de reacción, se non se producen cambios radicais, é moi escasa. A demografía tampouco axuda. Cada vez hai menos alumnos. A porcentaxe adicada ao financiamento universitario fica moi por debaixo da media europea, case que a metade. Os rectores reivindican un 1% do PIB e estamos no 0,58%. ¿Cómo pensar nunha Galicia nova, capaz de formar e desenvolver o seu capital humano, nestas condicións? Moitos criticamos no seu día o modelo de segregación das universidades galegas: a creación de tres universidades distintas a partir da de Compostela, co conseguinte custo a maiores de burocracia, equipamentos e infraestructuras. Existía un plano de financiamento pactado daquela no Parlamento, pero que tampouco se cumpriu, cando menos nos termos inicialmente deseñados, e o resultado actual (repito: se alguén non o remedia e propón a súa racionalización) non só fomentou o localismo (vestido de competitividade) senón que pulou un minifundio de titulacións, unha triplicación de ofertas e de necesidades, unha política non demasiado controlada de investimentos que está a queimar, case que en vacío, os xa escasos recursos disponibles. A necesidade dun verdadeiro Plano Universitario Galego, equilibrado e posible, atento ás nosas necesidades, harmonizando esforzos, no canto de lanzarnos a unha competitividade enlouquecida entre nós mesmos, é cada vez máis urxente. Pero non se lle vén trazas de remedio. Cada quen turra para si e cada vez que se reunen os nosos rectores o que se percibe dende fóra é unha liorta por ver quen vai diante ou quen chega primeiro. Así as cousas, a alarma xorde en Compostela. Pero a medio prazo arrastrará ao conxunto. A formación de capital humano constitúe un dos activos máis importantes dos novos tempos: educadores e investigadores competitivos, formación de calidade, capaz de homologarse coa oferta europea no seu conxunto, instalacións e servicios, titulacións axeitadas, equilibradas coa demanda e coas necesidades do país¿ Coa mellora das comunicacións interiores e unha planificación distinta, ¿tan difícil é imaxinar un espazo universitario harmónico, dotado de bolsas de estudos, residencias, colaboración interfacultativa e interdisciplinar, proxectos compartidos...? Pois parece que si. O modelo actual, tal e como se está a desenvolver, non ofrece senón autocomplacencia e minifundio. Preguntábame hai pouco un amigo polas prioridades dunha planificación de futuro para a Galicia do novo século. Pois esta é unha das primeiras: a formación axeitada (competitiva) das novas xeracións, que non é posible sen recursos; unha planificación nova da nosa realidade universitaria, necesitada dun consenso e dunha toma de posición por parte dos partidos políticos (reflexionada, documentada, non egoista) que non se albisca e que, polo que parece, mesmo ninguén reclama. ¿Horizonte previsible? Bastante escuro, aínda que alguén pense que pode salvar a súa leiriña particular. A medio prazo será fame para todos.