A PROPAGANDA pode facer milagres. Por exemplo, que a xente crea cousas que nin de lonxe son certas: que Iraq tiña armas de destrucción masiva, que Bush é moi relixioso, que hai un eixo do ben e un eixo do mal... ou que o secretario xeral do PP é home retranqueiro e aínda tamén irónico. Un pode ser moi inxenuo e crer o conto das armas perigosas de Iraq, ou o da relixiosidade de Bush e demais andrómenas; pero custa ter por retranqueiro ou por irónico a alguén tan plano como o aspirante á Moncloa, o dos «hilillos de plastilina» ou do fuel asolagado que se ía solidificar, «porque no hay alternativa». O tal aspirante lémbranos máis cada día ó seu patrón: dogmático, ríxido, cheo de razón. Ou sexa, o máis afastado da ironía, da retranca e do sentido do humor, valores que adoitan estar moi lonxe dos políticos que hoxe nos arrodean, dentro e fóra. Estes acostuman ser alleos a tan altos valores da intelixencia e da cultura. Por iso nos aburren tanto.