LEO nun xornal unha información na que se afirma que é normal que se espíe a certos políticos, maiormente ós nacionalistas, polo feito de selo, e a Carod-Rovira en particular. A información é moi minuciosa, contén parágrafos entre comiñas e remítese máis dunha vez a fontes informativas próximas ó CNI. É como para que calquera se sinta atordado: se é verdade, e eu penso que o é, sería unha maneira de aceptar que hai certas delincuencias moi ben acollidas. E que ninguén se sinte na obriga de perseguilas. E que se presume que uns son máis sospeitosos de culpabilidade ca outros. Non se entende como é posible que unha información así non teña merecido un desmentido radical do Goberno e do propio CNI. E menos aínda o silencio da oposición, dos partidos nacionalistas directamente acusados ou do señor Carod. Porque, que eu saiba, ninguén formulou ningunha acción penal contra un medio que con tanta claridade e con tanta precisión dá conta de semellante proceder delictuoso. ¿Pero que democracia é esta?