EN COMICIOS, as caretas son norma. As campañas electorais, que deberan ser o tempo de destaparse os partidos con programas, ofertas políticas e propostas, son muitas veces un tempo de Antroido. Que este ano coincidan Antroido e precampaña permite aos cidadáns misturar a festa da democracia coa sanísima irreverencia que acompaña ao carnaval. Neste tempo, os cidadáns podemos dicirlle aos candidatos aquilo de ¿mascarita, coñécesme? Dende o século XIX a xente politizou o Antroido para burlar aos políticos contrarios. Antoño María era un veciño de miña avoa que no Antroido do 36 organizara o enterro de Gil Robles, derrotado polo Frente Popular nas eleccións de febreiro. En xullo matárono por aquela carnavalada. Nesta campaña, como en todas, vóltase a falar da guerra, desa memoria profunda que como non se da enterrado cos honores que se merece sempre volve falsamente como munición electoral. Non se entende que se lles perdeu por aquí aos candidatos á Moncloa antes do enterro da sardiña. Ata que principie a Coresma, a xente non se vai tomar en serio as súas visitas. Alguén debera dicirllo a ZP antes de organizarlle o paseo polo Obradoiro e Raxoi, que vai iniciar a campaña entre nós, tiña que sabelo porque o Loro Ravachol é unha institución en Pontevedra. Hache de ser por iso que os inquéritos sinalan tan alto nivel de indecisos na Galiza. Estamos en Antroido, tempo de farsa, aínda non estamos para crer. O asunto da España plural -ou non- vai ser o centro da campaña. Ven séndoo dende a transición na democracia española e máis aínda dende que o PP, ao chegar á Moncloa, precisou de Coalición Canaria, PNV e CiU para asentar unha nova lexitimidade despois dos abafantes últimos anos do PSOE. Seráo tamén agora, sobre todo se non hai maioría absoluta. Por iso di o BNG que, para que Galiza sexa decisiva, falará co PSOE ou co PP en función de quen teña maioría. O peso político dos territorios mídese pola forza electoral propia e non hai outra forma de construir a España plural. Mais esa forza pode ter diferentes representacións simbólicas. O Galego coma ti do PP e o municipalismo do PSOE viñeron servindo na Galiza a ese propósito fronte ás forzas políticas estrictamente galeguistas. Muitos votantes do PP confían en que Raxoi sexa o madrigalego polo que estaban agardando para defender os seus intereses en Madrid, San Prestige mediante. Responden a unha vella lóxica política que se perde na noite dos tempos pero que non está exenta de dúbidas dende que o último representante da vella aristocrácia galega, o Conde de Lemos, escribira El búho gallego aló polo século XVII, para lamentar a perda de poder da nosa nobreza na Corte española. Despois, e ata o xurdimento do nacionalismo, a minguada fidalguía conformouse con ben pouco no mapa político español. Máis difícil aínda téñeno desta volta muitos votantes do PSOE que, despois de se mobilizar polo asunto do Prestige , teñen que votar candidatos disfrazados de seguidores de Zapatero que lle sacaron as castañas do lume ao PP, mesmo abrazándose a Cascos. Non extrana pois que as dúbidas sexan máis fortes entre os votantes galegos que entre os cataláns.