Good bye

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

25 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

AGARDAREI por ti porque has de volver. Baixarás en febreiro decorado de mimosas e petardos, cantando cancións tan fermosas como os teus dentes de luz, brincando de alegría, de ganas de vivir, de risas. Volverás e eu abrirei os brazos para abrazarte, para comerte a bicos, a bocas, a ollos que miran en verde, esperanzados, ilusos. Agora marchas. Eu búscote entre a chuvia, persigo o teu ruído (este silencio cabrón que deixas, como lágrimas, entre as miñas uñas de colgado), quédome triste sentado entre as ruínas, este resto que son, este residuo de noite, de melancolía, de botellas. Espero. Desespérome. De ti só queda a memoria. Pero volverás, carnaval. Pasearás o meu peito para deixarme de novo, irte a un lugar onde non existe o tempo, a campaña electoral, Federico Trillo y su gracia tabernaria y paleta, as enquisas, a función pública, o tedio. Un lugar onde estamos ti mais eu. Coméndonos, esperándonos, buscándonos, sobrevivindo na tristeza cando te vas, cando non regresas. Iso que denominan amor, probablemente. Agardarei por ti porque has de volver: para resucitar esta patria do desencanto, para que venza a primavera, para que ganen (¡ai!) os que perden sempre. Good bye, colega. Nunca te olvido.