COMO dixeron recentemente os intelectuais cataláns, o Goberno español e o PP practican «unha política obscena, contraria á verdade, á xustiza e ó dereito». Hoxe, ó menos en Cataluña, hai preocupación por unha política de enfrontamento que se está seguindo, contraria a toda idea de concordia. Temen algúns que a loucura terrorista e máis a cegueira dos nosos gobernantes, xuntas, teñan uns efectos semellantes ós que tiveron no País Vasco: que o enfrontamento de actitudes políticas dos partidos democráticos poñan en perigo as pontes de diálogo entre eles. Un bo síntoma foi a negativa do PP a non participar na manifestación do día 26-F. Non se trata tan só de dicir non a ETA. Cómpre dicir non a canto a axuda, en especial na arte de dividir ós demócratas. Pero tamén ós que lle fan o xogo, ben dándolle folgos nos medios, ben perseguindo de maneira ríxida e maniquea a outras opcións políticas legais e democráticas. Non, pois, a todo o que sexa obscenidade contraria á verdade, á xustiza e ó dereito.