Acondroplasia

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

05 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

A MIÑA AMIGA Xulia ten un rapaciño de cinco anos. Poñamos que se chama Raúl. Gústalle Ronaldiño e Michael Jordan. Non sabe que está enfermo. Ou mellor dito: non o sabía ata hai unhas semanas, cando os compañeiros do colexio, entre burlas e chuflas, empezaron a chamarlle como aos ananiños do programa Un, Dos, Tres , o programa que dirixe Chicho Ibáñez Serrador na primeira TV pública de España (TVE), e a metérense con el, e a zoscarlle, porque iso é o que ven na tele e o rapaz, certamente, é pequeniño. Un día apareceu en casa mazado. «Foron os compañeiros», contoulle á nai. «Chámanme Tati¿». A historia que lles conto, cos nomes e algún dato lixeiramente mudado, é rigurosamente certa. O programa emítese os venres pola noite, mais vólveno pasar logo pola mañá, especialmente dirixido aos nenos. A enfermidade de Raúl chámase acondroplasia. Hai arredor de mil persoas en España afectadas de acondroplasia (problemas de crecemento), moi poucas, comparadas con outras enfermidades, o que en parte explica os recursos limitados para o seu estudo e tratamento. A posibilidade de que naza un neno ou unha nena afectados desta doenza son escasísimas: un caso de cada 40.000. Pero están aí. Existen. As asociacións de pais de nenos con acondroplasia (Crecer de Murcia, Adapac de Cataluña e ALPE, que ten un núcleo moi activo en Xixón) conseguiron que TVE, ou a productora do programa, non o sei, retirasen os dous personaxes ananos, o que por certo provoca agora unha demanda laboral dos actores, que non teñen moitas oportunidades de traballo. Noutros tempos eran os bufóns da Corte, retratados coma tales por Velázquez. Cando eu era rapaz sobrevivían nos circos ambulantes, e mais nas charlotadas do Anano Bombeiro que viamos na praza de touros de Pontevedra durante as festas da Peregrina. Asombra que unha persoa coma Ibáñez Serrador e unha televisión pública, obrigada a difundir valores de dignidade, promova e acepte a estas alturas semellante trato de humillación, mecanismo fácil para provocar a gargallada dos espectadores. Asombra e entristece a gargallada dos espectadores. Estamos a falar de valores humanos, de principios básicos de respecto á condición humana, fundamentos da cultura moderna e democrática, sexa cal sexa a cor da pel ou a procedencia xeográfica, sexa cal sexa a relixión ou as ideas, o sexo ou o tamaño físico das persoas, ademais doutras eivas ou carencias que temos todos. No fondo é o que sucede coa muller, ou cos inmigrantes, ou cos homosexuais, ou coas linguas non consagradas polos aparatos do poder e do Estado. Son os distintos, os que se diferencian do modelo establecido, modelo que non cuestionamos e, automaticamente, aceptamos como normal, sendo tan inxusto e tan degradante. Revisalo, explicar que non é así, é responsabilidade dos que dun xeito ou doutro temos ocasión de dicilo e, moi especialmente, dos que administran plataformas de difusión cultural, política ou mediática. ¿O positivo? A reacción dese sector da sociedade que fixo posible que os responsables do programa retirasen a imaxe choqueira de dous seres humanos que, por ser pequenos, non son diferentes en canto persoas. Houbera sido mellor que, en vez diso, o guionista e o director de Un, Dos, Tres apretasen a imaxinación e considerasen a posibilidade de rescribir o papel para eles. Iso sería o máis xusto: rescribir o papel, non ocultalo, nin borralo do mapa (coa conseguinte perda do dereito ao traballo). Hai que rescribir o papel. Hai reconstruir, de paso, a nosa propia e rutinaria mirada. Mañá, calquera de nós pode ter un fillo ou unha filla así: intelixente, cariñoso, espilido, aínda que sexa algo máis pequeniño cós outros. E quererémolos tanto¿