Maneiras que arrepían

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

06 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

SEGUÍN CON ATENCIÓN unha sondaxe deste xornal na que se preguntou se, no caso Carod-Rovira, os políticos non lle terán feito o xogo a ETA amplificando a súa mensaxe. Ó cabo, un 91 por cento respondeu que si, que era certa a pregunta. Bo fracaso da política de meter medo á xente, seguida por uns e por outros. Aínda que a sondaxe non sexa científica nin de fiar ó cen por cen, non hai dúbida de algo que xulgo moi importante: é moita a xente que, por moitas tragadeiras que teña, non ten sumidoiros que engulan todo o refugallo que deixa certa maneira de facer política, maiormente dende o poder. Porque moitos empezan a ver agora o que en realidade acocha tanta baixeza política: a non aceptación dun resultado electoral que amola, por máis que saíse democraticamente das urnas. E, á par, empezan a ver tamén o pouco respecto que algúns teñen pola democracia, pola liberdade e polos pactos lexítimos cando non son aqueles que conveñen. Unha vez máis a negación da convivencia. ¿Empezaremos a telo claro?